Páginas

quarta-feira, 5 de fevereiro de 2014

Resumo do pleno municipal do 4 de febreiro de 2014

 

No pasado pleno municipal aprobáronse por unanimidade as actas das sesións correspondentes ao 9 de decembro de 2013 e ao 19 de decembro de 2013, alén de darse conta dos decretos da alcaldía e do Informe de Morosidade, que atinxe ao cuarto trimestre de 2013. No entanto, este informe presentaba un erro e é necesario volver redactalo, unha práctica que máis unha vez subliña a incapacidade deste goberno para solventar incluso as cuestións máis elementais.

Os votos de INTA (5), o partido do alcalde Manuel Varela, e a abstención do PP (3) permitiron aprobar os orzamentos para o ano 2014 nunha tónica de apoio mútuo entre PP e INTA que se vén corroborando xa como permanente. Neste momento aínda gobernando INTA en minoría podemos dicir que o PP é unha parte do goberno local chantadino se analizamos os plenos do último ano. Por súa parte, tanto o Grupo Nacionalista (3) como o PSOE (2) votaron en contra. Cabe lembrar que o PSOE apoiara os pasados orzamentos que desde Á Voz do Agro se analizaron e que eran totalmente inaceptábeis. Mais xa naquela altura advertiran ao alcalde que non recebirían un novo apoio nas contas locais se non se facían as cousas ben.

Xa noutra orde de cousas, aprobouse por unanimidade – após aceptarse as enmendas presentadas polo Grupo Nacionalista no artigo 6, o regulamento de funcionamento do servizo de piscina climatizada, piscina descubert e anexos. O articulado do texto que foi suprimido por iniciativa de Alfonso Piñeiro é o que segue: “Quedará prohibida a entrada na instalación ás persoas que padezan algunha enfermidade transmisible, especialmente afeccións cutáneas sospeitosas, podendo ser recoñecidas, para estes afectos por personal sanitario da piscina”. Un sorprendente texto que lembra máis ben certa lexislación fundamentada no darwinismo social e propia dos réximes fascistas.

INTA e o PP votaron conxuntamente a Ordenanza Fiscal reguladora do prezo público pola prestación do servizo da piscina climatizada, piscina descuberta e anexos. O Grupo Nacionalista e o do PSOE votaron en contra, xa que entenderon que se deberían contemplar bonificacións nas taxas para grupos como os dos pensionistas de máis de 65 anos cunha pensión inferior a 1'5 veces o Salario Mínimo Interprofesional (SMI), así como os demandantes de emprego de longa duración (2-3 anos), persoas con discapacidade superior a 33%. Segundo o coordinador local de Anova – Irmandade Nacionalista, Ildefonso Piñeiro, «deberían utilizarse as táboas do IPREM para facer as bonificacións como se fixo cando se aprobaron as taxas de axuda no fogar ou as actividades deportivas. Por iso, Anova fará alegacións no período de exposición ao público».

Amais, os votos de INTA e PP tamén serviron para aprobar definitivamente a Memoria xustificativa da xestión directa do servizo de piscina climatizada, piscina descuberta e anexos. O pleno pronunciouse así finalmente sobre as reclamacións presentadas. Tanto o PSOE como o Grupo Nacionalista votaron en contra porque segue a ser o mesmo texto presentado hai un mes con evidentes eivas xa denunciadas naquela altura en medios como Televinte. Os informes da Secretaria e da Intervención continúan sendo desfavorábeis, fíxose ás presas e tarde o que provoca que as piscinas continúen fechadas. Segundo Piñeiro «non hai seguridade de que o servizo poda darse, xa que non está contemplada a partida orzamentaria correspondente e de ofertarse correrán perigo outros servizos do Concello».

A continuación deuse conta no pleno do ditame do Consello Consultivo de Galiza no Expediente de resolución de contrato de xestión de servizo de piscina climatizada, piscina descuberta e anexos e da adopción do acordo plenario no expediente de resolución de contrato. Os argumentos presentados pola secretaria do concello servirán para reclamarlle á empresa as cantidades que lle adebeda ao concello e que se estiman nuns 170.000 € (fianza, reformas interiores, canon de 10 anos, etc.).

No capítulo de mocións, o PSOE presentou unha contra a infame reforma da lei do aborto que foi aprobada polos votos favorábeis de PSOE e do Grupo Nacionalista e coa abstención de INTA e do PP, sorprendente isto último. Outra moción pronunciábase opoñendose á Política Agraria Común (PAC) na liña en que o vén facendo o SLG e Unións Agrarias. Foi tamén aprobada co mesmo resultado na votación.

No referente ás mocións de urxencia o Grupo Nacionalista inquiriulle ao alcalde se ía presentar a proposta de compra dunha faixa para pór no balcón do concello protestando contra a suba do Canon de SOGAMA, xa que Manuel Varela está na mesa constituída contra este canon. En caso de non facelo Anova anunciou que a presentaría pola súa conta. Porén o alcalde dixo que o faría el, que lle deran tempo. O Grupo Nacionalista tamén preguntou polo escrito da AMPA do colexio Xoán de Requeixo que facía referencia aos restos do botellón no seu patio.




Sem comentários:

Enviar um comentário