Páginas

domingo, 16 de fevereiro de 2014

Toda a información sobre o referendo para as europeas

A militancia de Anova está convocada para decidir en referendo o vindeiro 23 de febreiro de 2014 sobre as alianzas para as eleccións europeas.


En corenta mesas, repartidas por todo o país, a militancia está chamada a votar durante toda a xornada, de 12 a 21 h, podendo escoller entre as seguintes opcións sobre o xeito de que Anova concorra ás eleccións europeas, todas elas propostas no debate previo habido nas distintas asembleas territoriais:

1). que Anova participe integrada en coalición coa esquerda federal.
2). que Anova conforme unha coalición con forzas políticas da esquerda nacionalista das nacións sen estado e/ou plataformas cívico-políticas de esquerda e rupturistas.
3). que Anova non concorra ao proceso electoral.

De aprobarse a opción 2, a resultante unha vez concretada, precisaría de ser sometida de novo a decisión de toda a militancia polo conxunto da militancia de ANOVA nun novo referendo. Tamén se aprobaron as normas que han de rexer nesta consulta, que se poden consultar aquí.

A militancia tamén deberá decidir se ratifica o programa de Anova para as eleccións europeas aprobado na recentemente celebrada Convención Nacional: programa de Anova para Europa.
Unha vez pechadas as urnas, ás 21 horas, realizarase o reconto global, que será público, e os resultados publicitaranse de inmediato na páxina web de Anova.

Todas as persoas militantes ou grupos de militantes que desexen poñer en coñecemento da militancia a súa posición sobre as alianzas de Anova para as europeas, poderán enviar a Organización o texto que desexen.Todo o que se reciba será distribuído entre a militancia e feito público na páxina web de Anova o día 21 de febreiro.

quarta-feira, 5 de fevereiro de 2014

Anova critica os orzamentos municipais para 2014

Con anterioridade Anova xa tivo que saír ao paso das disparatadas contas para 2013 presentadas tardísimo polo goberno de INTA e Manuel Varela1. Desta volta, a nosa posición, infelizmente, volve ser contraria. Para Anova, o debate dos orzamentos é un dos plenos máis importantes do ano porque é onde se plasma o proxecto político do goberno e as alternativas da oposición e porque se traduce na realidade sobre os cidadáns.

O primeiro que chama a atención é a alta dose de improvisación produto da ausencia de coordinación no proceso de elaboración. O informe conxunto da secretaria e da interventora dános recolle igualmente que «os orzamentos dos derradeiros anos, e como non, este tamén resultan insuficientes para recoller a totalidade de gastos xerados no concello pondo como proba as múltiplas modificacións orzamentarias realizadas». Isto reflicte, segundo o propio informe, e por os dados que obran no proxecto, a incapacidade do concello para facer fronte aos seus gastos e ao importe dos gastos que se teñen sen crédito.

Nos novos orzamentos as asignacións orzamentarias non responde a un sistema de prioridades, non se analizan en profundidade a nova lei de reforma da administración local e as súas terríbeis consecuencias, aínda cando está en vigor desde o 31 de decembro. Por tanto, isto trae consigo un destino arbitrario dos recursos orzamentarios.

Como exemplo podemos pór que as partidas para servizos sociais ou a promoción de emprego están sen analizar e sen comprobar se estas competencias poden ser asumidas polo concello co novo marco lexislativo. Para os concellos de menos de 10.000 habitantes a lei di que serán competencias do concello só o alumeado público; o cemiterio (no caso de Chantada non); a recollida de lixo e a limpeza viaria; o abastecemento e saneamento dos núcleos de poboación ou a pavimentación; parques públicos; biblioteca; e tratamento de residuos. Xa que logo, como está sucedendo noutros concellos consideramos que mentres non se solventen as dúbidas sobre as competencias non se deberían orzamentar certas partidas nin presentar os orzamentos en consecuencia.

Anova denuncia igualmente a ausencia de esforzo inversor en proxectos que teñan un forte impacto no día a día dos cidadáns, os investimentos reais, cerna dos orzamentos. Tampouco se planificou o que se agarda recadar doutras administracións, o grado de cumprimento dun programa electoral, as promesas dun goberno, están condicionados ao logro de axudas doutras administracións, ou sexa, se non se acadan, non hai investimentos. Orzamentan máis de 160.000 euros sen estar seguros se se van a acadar, para nós iso é un xeito de inflar uns presupostos. O modelo de INTA para o concello vai en detrimento dos cidadáns, iso está claro. Para nós, o mellor orzamento seria aquel que investise nas persoas e nos seus dereitos fundamentais.

Estamos a ver como o capítulo de ingresos sufre unha constante perda, ao mellor nisto non teñen culpa pero si que a teñen todos aqueles gobernos, que curioso o do Estado e o de Galiza gobernados polo mesmo grupo político, coas sucesivas reformas fiscais que levaron e que levan a cabo onde non paga máis o que máis ten, senón que nos zurran a todos por igual, facendo o sistema máis inxusto que un se poda imaxinar e que o que van a prodigar é iso precisamente, INXUSTIZAS, e facendo pagar o pato destas trapalladas a quen menos culpa ten, os cidadáns e os concellos. Así vemos como en este orzamento se van a adicar un paupérrimo 5% para o desenvolvemento de políticas de cara ás persoas, iso si, condicionadas a acadar esas axudas.

Por outra banda, a partida de persoal segue a aumentar con cada orzamento, faltando ás súas propias verbas cando dixo que este capítulo non debería supor máis que 30 ou 32 %, do orzamento e hai actas que reflicten isto. Hoxe quere aprobalos con 42% de gasto. O informe que acompaña este proxecto advírtenos que os anexos de persoal están asinados polo alcalde, mais que carecen de informe, isto non nos parece nin normal nin lóxico.

Este aumento, segundo o alcalde informou na Comisión Informativa, é debido a que se prevé contratar persoal para o servizo da piscina e podemos ler que non se sabe o prazo que se prevé de xestión nin se ten en conta o artigo 21.2 da lei xeral de orzamentos do Estado que di que durante o ano 2014 non se procederá á contratación de persoal temporal agás se cumpre o concello unha serie de condicións, duras a maior parte delas para levalo a cabo.

Por se todas estas razóns foran poucas, as axudas para emerxencia social son as mesmas que no orzamento anterior, hai informes, de Cáritas entre outros, que din que as peticións de axuda aumentan cada día, informes sociais da CCAA, do Estado, etc, e deberíase ter en conta. A partida de benestar, a partida de Servizos Sociais mingua con cada presuposto, se no ano 2011 era de algo máis de 1 millón de euros, 19% do orzamento: no ano 2013 era de 523.923 euros, 9,8% este ano queren aprobalos cun orzamento de pouco máis de 8,5%, uns 470.000 euros. 

Tamén chama a atención que a única subvención que se reduce é a da Casa da Música sen maiores explicacións en porque só se fai neste caso. Tampouco se contempla nos orzamentos ningunha partida para a Mostra de Teatro, a Semana de Cinema ou para o Festival de bandas. Parece que cando a dereita entra nas institucións a cultura chimpa pola fiestra (e a democracia e tantas outros principios básicos). 

Porén ao seren un refrito dos insufríbeis orzamentos anteriores séguese a orzamentar en catro partidas distintas actividades culturais e deportivas de até 95.000 euros... na partida de Turismo e Festas e non en Cultura ou en Deportes.

Manuel Varela, que na súa etapa no PP recusara cobrar o canon hidroeléctrico e deixará unha débeda pública sen parangón na historia da vila do Asma, no debate orzamentario de 2011 (cando se encontraba na oposición e comezaba o cisma INTA-PP) criticou o concello naquela altura gobernado por PSOE e BNG por aprobar unha débeda pública de 270.000 euros, 5% do orzamento. Pois ben, como os oportunistas axiña son descubertos vemos que a do ano 2013 alcanza 13% do orzamento e ascende a 655.000 euros. Nos orzamentos actuais contémplase que ascenda a 825.000 euros e 15% dos orzamentos. A este paso a finais de lexislatura representará por volta de 20% e dun millón de euros.

No entanto, o capítulo de disparates, que deixan ver a pouca seriedade e a falta de rigor do goberno actual, non remata aquí. Orzamentan 87.000 euros de mais no ingreso polo IAE (269.000 euros) e pola liquidación sabemos que se recadan só 182.000 euros. Ou sexa, falseánse deliberadamente as contas para o ocultar o novo desfalco que Manuel Varela supón para Chantada. Na taxa por prestación de servizos públicos máis de 500.000 euros cando non se recadan máis de 396.000 euros (143.000 euros a maiores) ou orzamentan pola taxa de uso dos espazos públicos unha diferenza de máis de 150.000 euros. Só estes tres exemplos serven para ilustrar que 400.000 euros dos orzamentos para 2014 son fume e non existen. O problema vén en que se non existe o ingreso tampouco existe o gasto... que gastos se van recortar?

Pero hai algo que non queremos pasar por alto e serve de remate a esta nosa exposición. Sabemos que as economías dos concellos están extremadamente condicionadas por factores externos que estreitan as marxes de manobra para poder axustalos ás realidades internas. O problema radica cando a aprobación duns orzamentos, senón os deste ano, si en anos vindeiros, se fagan por unha orde superior, é dicir, os aprobe Madrid con Rajoy e o PP ao servizo do grande capital e da troika. A reforma da administración local dálle poder, ou sexa retíralle atribucións aos representantes do cidadáns ao Pleno, e dállo á xunta de goberno que os poderá aprobar. É un ataque frontal á democracia, ao poder dos cidadáns, no caso dos Concellos este poder reside no Pleno que é onde están os representantes públicos, con esta decisión deixa ao pleno convertido nun apéndice residual.
Supón un retroceso, é unha decisión antidemocrática. Xa comentamos que un pleno, onde se debaten uns orzamentos, é un dos máis importantes do ano, non só polo tema económico, que o é, senón porque nuns orzamentos podemos ver o proxecto político dun goberno, o grado de compromiso coas políticas públicas, o grado de compromiso dun goberno co seu programa electoral, un inciso, é lóxico que o PP aprobe algo similar a isto, todos e todas sabemos o grado de cumprimento do programa electoral que ten o PP, para eles é normal aprobar algo así.


Esta reforma elimina o poder do máis próximo e afasta a cidadanía da xestión do público. Todo isto nun momento no que a poboación esixe máis participación, máis democracia e máis transparencia e, non obstante, se lle responde con máis tutelaxe, menos democracia e menos participación nos asuntos públicos.

Temos que seguir a opornos a este tipo de iniciativas, temos que defender a democracia local e participativa. Os cidadáns e cidadás temos que defender aos nosos concellos como gobernos máis próximos e amais acabar con esa mentira da débeda pública e lembrar que 70% desa débeda do Estado é privada. Só 30% é público, e dese 30% non son os Concellos os principais responsábeis.


É unha falta de respeto aos cidadáns e van facer que todos os orzamentos dos Concellos sexan aprobados por Madrid, que pintamos os cidadáns nos Plenos, o esforzo dos consensos, dos acordos acaban de ser dinamitados por esta decisión, queren maiorías absolutas para exercer o poder de xeito absoluto e isto está en contra do que están a reclamar milleiros de cidadáns nas rúas.


Unha lei inxusta… se nos ¨gurtelean¨ os concellos estannos a ¨gurtelear¨ un dos mellores espazos democráticos…e así nos vai.

NOTAS:

Os nacionalistas pediron a rescisión do contrato á empresa do PXOM de Chantada

Os nacionalistas de Chantada non apoiarán os orzamentos municipais 03 02...

Quem somos?

 
 
Anova-Irmandade Nacionalista de Chantada somos um grupo de mulheres e homens que concebemos que existe outra forma de fazer política desde Chantada e para Galiza. Este blogue tentará recolher a nossa atividade e é a continuação dum outro anterior: http://chantadanova.blogspot.com.es/ Começamos uma nova etapa cheios de ilusão e dispostos a conformar uma alternativa confiável, plural e aberta ao governo local para contarmos com o teu apoio. 

Um fundo saúdo da assembleia local chantadina de ANOVA-IRMANDADE NACIONALISTA